O obxectivo é valorizar a nosa lingua, mediante a lectura de obras en galego, especialmente do autor homenaxeado no 2019, Antonio Fraguas.
Seguidamente vos compartimos importante documentación para traballar na aula ou na casa, que vos axudará a comprender a inmensa figura deste home sinxelo e tan grande á vez: escritor, historiador, profesor, etnógrafo e antropólogo, que traballou toda a súa vida por Galicia.
Antón Fraguas Fraguas, nado en Insuela, en Loureiro (Cotobade), o 28 de decembro de 1905 e falecido en Santiago de Compostela o 5 de novembro de 1999, destacado historiador e antropólogo galeguista, foi escollido polo pleno da Real Academia Galega como o persoeiro homenaxeado no Día das Letras Galegas do vindeiro ano 2019.
En 1963 foi nomeado director do Museo Municipal de Santiago, instalado no convento de San Domingos de Bonaval, que en 1975 pasou a ser denominado Museo do Pobo Galego.
Outros cargos que desempeñou Fraguas ao longo da súa vida foron, entre outros, a coordinación da sección de Antropoloxía do Consello da Cultura Galega (1983), membro numerario da Real Academia Galega das Ciencias, a Real Academia da Historia, a Asociación de Arqueólogos de Portugal ou a Sociedade Portuguesa de Etnoloxía.
Foi nomeado Pontevedrés do ano en 1973; concedéronlle o Pedrón de Ouro en 1984 e a Insignia de Ouro do Museo do Pobo Galego o mesmo ano; recibiu o Premio Trasalba en 1985, e a Medalla Castelao; Premio Otero Pedrayo en 1992, ano en que tamén foi nomeado Cronista Oficial de Galicia; Premio das Artes e das Letras de Galicia en 1995. En 1989 foi nomeado fillo adoptivo de Santiago de Compostela.
Trala súa morte, creouse a Fundación Antonio Fraguas no Museo do Pobo Galego, co obxecto de “proxectar, conservar e dinamizar o patrimonio que Fraguas e toda a xeración por el representada crearon e rescataron para a conservación futura da memoria de Galicia”. Así mesmo, a Deputación Provincial da Coruña convocou na súa memoria o Certame de Artesanía Antonio Fraguas Fraguas.
Leva o seu nome o IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela, así como rúas en varias cidades e vilas.
Preme na imaxe e podes acceder a documentos, unidades didácticas e fotos no Seminario Galán, para traballar na Semana das Letras Galegas.
Tamén podes atopar moito material relativo a Antonio Fraguas na Primavera das Letras da Real Academia Galega, premendo na imaxe
No hay comentarios:
Publicar un comentario