23/12/23

DESEXANDO UN VENTUROSO 2024.

Un ano máis o noso alumnado, desde 6º de educación infantil ata 6º de educación primaria implicouse a fondo na elaboración do deseño dos ALMANAQUES DE PETO. 
Nesta ocasión inspirados na temática do PDI "As olimpíadas" xurdiron ilustracións e textos moi chamativos cos que, desde o Equipo de Dinamización Lingüística, se agasallou ás familias no remate deste ano 2.023.

30/11/23

25 N

 A conmemoración desta data estivo presidida pola pancarta que forma parte de unha das casiñas da OCA DOS NOSOS MAIORES e que deseñou o alumnado de 5º A.

Con ela, na entrada do centro e posteriormente no magnífico escenario do noso paseo marítimo, os maiores do cole leron un manifesto que abogou polo dereito ao trato e sentir respectuoso cara á muller.


18/11/23

OUTONO FESTEIRO!

 O núcleo desta estación presenta, como cada ano, tres festas moi significativas e das que nos facemos eco na nosa escola: o SAMAÍN acompañado coas LECTURAS ÁS ESCURAS, o DÍA DO PEÓN e o MAGOSTO. 

Gozade con estes videos case do mesmo xeito que o fixemos alumnado e mestres!!

Dámosvos as grazas familias pola vosa implicación e colaboración nestas propostas e foi unha mágoa que por mor do tempo non poidesemos gozar xuntos das mesmas, como cada ano desexamos.


31/10/23

PRESENTACIÓN DO P.D.I "AS OLIMPÍADAS"

     O 24 de outubro, aproveitando o Día das Bibliotecas Escolares, tivo lugar no pavillón de A Casqueira o acto inaugural do PDI deste curso. 

    Güino convidáranos uns días antes ao mesmo e todo o alumnado e profesorado asistimos á cita. Recibimos as mochilas viaxeiras e a mestra con nome griego achegounos á orixe do PDI deste ano. Para finalizar todos os participantes desfilamos coa bandeira identificativa da nosa aula ao son de "melodías olímpicas", prendemos o facho olímpico no gran caldeiro e formamos, coas nosas máns, os aros olímpicos. 

Foi moi emocionante!

17/10/23

GOZAMOS COS MAIORES DO COLE!

     Durante este mes e como cada curso os nosos compañeiros e compañeiras de 5º e 6º, achéganse ás aulas de infantil e 1º curso de primaria para compartir un tempo de lectura cos máis pequenos do cole. 

    Os venres son así un momento que esperamos con ledicia pois é moi probable que algún irmán, irmá, amigo ou coñecido se achegue ás aulas e poidamos gozar da súa presenza e sobre todo da súa narración. 

Aquí estamos, como podedes ver, con moita fachenda!



26/9/23

ARRINCANDO MOTORES!

   

 Un novo curso comeza e desde o Equipo de Dinamización Lingüística queremos seguir pescudando, coñecendo e promocionando a nosa lingua máis e mellor. Traballando xuntos, todos a unha, co resto de equipos do centro promoveremos a celebración, en galego, das múltiples actividades que realizaremos a nivel centro ao longo de todo este curso 2023-2024.

    A proposta eixo do Equipo para este curso vaise enfocar a ADICAR UN CHISCO DO NOSO TEMPO AOS MAIORES A TRAVERSO DO XOGO como APRENDIZAXE SERVIZO.  Así tentaremos que o alumnado sexa consciente dunha realidade concreta da contorna e poida actuar para mellorala.

    Queremos que os nenos e as nenas recoñezan e valoren que eles e elas tamén foron coma nós e que o paso do tempo fai que o seu día a día se atope, en ocasións, marcado pola rutina ou a soidade. Igualmente buscamos que o noso alumnado tamén se poida enriquecer coa sabedoría que as avoas e os avós seguen a desprender.

    Propoñemos ao profesorado a realización do XOGO DA OCA no que, aproveitando as diferentes actividades anuais que facemos no centro e sobre as que o alumnado estuda, elaboremos as casiñas da nosa oca a xeito de ilustración. Unha vez as teñamos todas faremos unha composición co que formaremos varios TABOLEIROS DA OCA, que doaremos á Residencia de maiores “Virxe das Virtudes”, ao centro de día e á Residencia de maiores “As Fragas”, sitas na nosa vila. Esta doazón enmarcarase nunha xornada de convivencia cos nosos maiores na que alumnado e profesorado xogará a este xogo con eles e adicará un tempo á sua escoita. A distribución para a elaboración das casiñas do taboleiro da oca implicará a todos os niveis de alumnado do centro.

    O traballo realizado irá formando parte do noso Taboleiro da Lingua de xeito que toda a comunidade educativa se emocione e implique nesta aprendizaxe servizo. Igualmente consideramos interesante que unha mostra desta OCA DOS NOSOS MAIORES quede na biblioteca do centro e outra, poida ser gozada polo alumnado nun espazo a determinar.

    Igualmente seguiremos a traballar conxuntamente co Equipo de Biblioteca na posta en marcha do PDI de centro “As olimpíadas”, mediante o cal motivaremos ao alumnado cara á ampliación do seu coñecemento sobre a orixe deste acontecemento que terá lugar en París no verán do ano 2024 e que serve de aglutinador de persoas e culturas a traverso do deporte: primeiros xogos olímpicos, celebración ao longo do tempo, disciplinas, comité olímpico, sedes, símbolos, mascotas… pero sobre todo tentaremos fomentar as calidades do espíritu olímpico que nos serven para enfrontar este proxecto e a vida mesma: esforzo, talento, traballo en equipo, solidariedade e tolerancia. Ao igual que todos os anos colaborarán neste “coñecemento global”: profesorado, alumnado, familias e calquera persoa ou institución que nos poida axudar a “saber máis”.


17/6/23

UN NOVO ABRENTE!

     Como é tradición, desde hai xa 42 anos, no CEIP Couceiro Freijomil clausuramos un curso máis coa edición da nosa REVISTA ABRENTE. 

    Desde o Equipo de Dinamización Lingüística queremos pechar este curso con esta última entrada na que publicamos a nosa revista e facemos partícipes dela a toda a comunidade educativa. 

    E como reza o seu Limiar ... "todo o exposto nela amosa o grande traballo levado a cabo, conxuntamente, polo profesorado, alumnado, familias e persoal do centro que con esforzo, dedicación e entusiasmo nos forneceu a todos de novas aprendizaxes e interaccións. Mil grazas pola procura, sempre, dun ensino de calidade, participativo, entusista e eficaz para os nosos nenos e nenas. 

GOZADE DUN... NOVO ABRENTE! 

20/5/23

LETRAS GALEGAS CON FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO.

    Francisco Fernández del Riego foi o escritor homenaxeado o día das "NOSAS LETRAS". Desde o Equipo de Dinamización elaboramos un tríptico co que agasallamos ás familias co fin de divulgar o traballo realizado polo autor a prol da nosa lingua.

    O alumnado do noso centro achegouse á súa persoa axudado por múltiples medios entre os que estiveron os mega posters que colocamos nun lugar destacado de colexio. Alí percorremos a vida e obra deste autor e todo o que fixo pola língua galega. Fixémolo tamén coñecendo outras linguaxes, ademáis da escrita, que aparecían nestes posters como son os pictogramas e o sistema Baraille (que aínda que non tiña relevo invítanos a coñecer como aprenden as persoas con discapacidade visual).

    Rematamos o día participando todos xuntos danzando a cantiga de Uxía Lambona e a Banda Molona "Esto bailase así".


6/5/23

A FESTA DA PRIMAVERA: OS MAIOS!!

 "A festa dos maios é a festa da primaveira, ben sexa da súa chegada, ben do seu trunfo. Siñifiva o reverdecer das prantas, o comezo do ano agrícola, a leficia de ver erguerse o sol por riba do hourizonte e coller altura e forza". Así definía Vicente Risco a esta festa.

     Como cada ano, no noso cole non faltaron os maios, unha bonita tracidión que perdura en Pontedeume e na que o Couceiro sempre participa.

    Os maios figurados, coma os que facemos no cole, consisten nun esqueleto de paus de forma piramidal, revubero de tea metálica que se cobre de fiuncho, xesta ou herba. Sobre esta estrutura debúxanse distintos motivos con flores, follas, fentos, bugallos, froitos ou mesmo ovos. Constrúese sobre unha plataforma que permite transportar o maio polas rúas.

    Desta volta elaboráronse tres maios. Un deles, realizado polo alumnado de Educación Infantil coa axuda das familias. Outro feito por nenos e nenas de primeiro, segundo e terceiro de Primaria no que tamén colaboraron familias e por último elaborouse cons cursos de cuarto, quinto e sexto de Primaria o último maio no que colaborou Sabela, antiga mestra no cole.

Como resultado do esforzo conxunto, no concurso de maios que organiza o Concello todos os nosos maios foron premiados. Conseguíuse un segundo e un terceiro premio na categoría de "Maios grandes" e un terceiro premio para a categoría dos "Maios pequenos".

29/4/23

GOZAMOS LENDO!

 Aproveitando a clebración do Día do Libro desde o Equipo de Dinamización quixemos aportar o noso gran de area para que o alumnado de Educación Infantil poida gozar coa lectura de novos textos na nosa lingua. Con esta adquisición actualizamos e aumentamos a bibliografía, en galego, da nosa biblioteca "O xardín do pasatempo". 


23/4/23

DÍA DO LIBRO

 O 23 de abril lembramos a importancia que teñen os libros. Son as "pequenas e á vez grandes fiestras" que nos achegan ao coñecemento e o saber.

    Nun mundo dominado polas novas tecnoloxías , o LIBRO, segue mantendo a calidade física de poder soster e sentir nas túas mans amor, saudade, carraxe, diversión e tantos outros sentimentos que as maquiniñas máis modernas non dan transmitido.

    Esta xornada celebrámola retomando os emotivos APADRIÑAMENTOS. Nun ratiño agradable no xardín do cole, os nenos e nenas máis maiores foron padriños e madriñas dos de menor idade, achegándolles lecturas variadas en diferentes línguas e proporciando charlas e sentimentos compartidos.

    Finalizamos a xornada fotografándonos coa fermosa estructura construída polo Equipo de Biblioteca para conmemorar este día e que homenaxea a obra literearia máis universal, O Quixote, de Miguel de Cervantes.