11/3/23

23 DE FEBREIRO. DIA DE ROSALÍA!!

Este curso, pola conmemoración do seu aniversario e, aproveitando o PDI "Couceiristas polo mundo", quixemos amosar á nosa escritora galega de cabeceira e... tamén ao igual que nós "polo mundo". 
Así, creamos un fermoso xardín no que Rosalía é a protagonista. Con fotografías que amosan a importancia de Rosalía de Castro: ilustrando o antigo billete de cincocentas pesetas, dando nome a parques, teatros, avións (ata de compañías estranxeiras), aeroportos... adornamos o seu xardín con flores cheas dos seus versos e das palabras fermosas de moitos dos seus poemas.
OLLADE NESTE VÍDEO QUE BONITO NOS QUEDOU!!.
Ilustración do poster: Do libro Biografía de Rosalía de Luisa Carnés coa ilustración de Aitana Carrasco.

14/1/23

ALMANAQUES DE PETO

 

Como cada ano polo Nadal o noso alumnado, desde 6º de educación infantil ata 6º de  primaria, implícase a fondo no deseño dos almanaques de peto cos que agasallaremos a toda a comunidade educativa. A ilustración e o texto que a acompaña parte da temática traballada durante o ano no PDI de centro. Este curso "Couceiristas polo mundo".

Como ven sendo habitual houbo verdadeiras obras de arte en todos os cursos e foi realmente  complicada a elección do almanaque representativo de cada curso.

GRACIÑAS POLO VOSO ESFORZO E DEDICACIÓN!!


2/12/22

LEMOS AOS MÁIS PEQUENOS!!

Desde o Equipo de Dinamización retomamos con grande ilusión, logo do parón da pandemia, a actividade LEMOS AOS MÁIS PEQUENOS. 

Esta actividade que este curso levamos a cabo na hora de ler dos luns consiste na invitación ao alumnado de 5º e 6º de primaria para que, voluntariamente, lles lean aos nenos e nenas de educación infantil e 1º de primaria diferentes lecturas, preferentemente, na nosa lingua.

Igualmente anímaselles a preparar ditas lecturas, ben dramatizando, agasallando con algún detalliño aos peques ou animándoos a ilustrar o conto lido.

O certo é que se agradece o esforzo destes mozos e mozas que, vencendo a vergoña destas idades, se animan a transmitir o valor dos contos aos máis pequerrechos do cole. Eles agradécenllelo moitísimo.

ABONDA CON VER AS SÚAS CARIÑAS!.