Samaín
Chegou o Outono e con el a vendima, as castañas, as longas noites de choiva, vento e frío. Chegou tamén o tempo do SAMAÍN, un tempo de tradicións e, sobre todo, de medo.Os celtas celebraban co Samaín o paso do ano, a fin do tempo das colleitas e, con el, do ano vello e o comezo do inverno e do ano novo. Igualmente, o Samaín era o momento no que as ánimas dos mortos retornaban ás súas casas para visitar os familiares aínda vivos. Nesta visita aproveitaban para buscar alimento e quentarse co lume da lareira, polo que era costume deixar o lume aceso nesa noite e nunca varrer a lareira para non afastar as ánimas; ás veces tamén se deixaba unha cadeira baleira, co seu servizo de comida e bebida, para que as ánimas se achegasen á mesa familiar.
Coincidía así, nesa noite do 31 de outubro ou 1 de novembro, a festa do paso dun ano a outro, co momento da apertura ás ánimas do outro mundo. Eran datas claves para se reuniren nos camposantos, comer o ritual e comunal porco celta de samaín e concelebrar as festas dos guerreiros.
Este Samaín vén cheo de novidades no colexio, pois monstros mariños andan polos corredores e chegan onde o Taboleiro da Lingua para contarnos a súa historia. Andade ver este traballo tan fantástico que ilustra Sereas, Leviatáns, Hipocampos e Kraken que veñen do Alén do Mar.