No Taboleiro da Lingua xa o BO PROVEITO conta cunha nova proposta culinaria da tempada, elaborada para este mes de Decembro por 4º de Primaria. Trátase da Lasaña de Cogomelos e cunha sobremesa de Nevadiños. Tentade facer esta proposta tan interesante que de seguro sorprenderá a todo o mundo.
Ánimo e seguide apostando por unha cociña saudable feita con moitas cores !!!
Éxito total na edición dos Almanaques de Peto 2019 que xa podedes ver no Taboleiro da Lingua, corredor principal do colexio, e que permanecerá ata o mes de xaneiro 2019.
Esta actividade consistente no deseño dun Almanaque de Peto do 2019
para repartir a todo o alumnado, profesorado e persoal non docente do
colexio, foi valorada polo EDLG para a elección dos representantes
que gañarán esta edición na que se estableceron cambios
importantes para acadar que a actividade sumara no logro dos
obxectivos que perseguimos no noso Proxecto do Uso do Galego.
Na
edición do 2018-2019 establecemos unha convocatoria integradora, co PDI deste curso, adicado á alimentación saudable, que
denominamos:
BO PROVEITO.
Cada alumn@ fixo un debuxo relativo a esta temática en medio folio, sempre utilizando
a nosa lingua en todo o escrito.
A actividade realizouse no colexio, para garantir a igualdade de
oportunidades e tamén se tivo en conta a igualdade de xénero, buscando un número
equivalente de nenos e de nenas.
@s 14 alumn@s que resulten gañadores ou gañadoras dos seis niveis de Educación Primaria e 6º de Educación Infantildesta
convocatoria, recibirán
4 exemplares correspondentes aos seus propios traballos para compartir
coas súas familias e recibirán un Diploma de recoñecemento polo seu traballo.
A entrega levarase a cabo no Festival de Nadal 2018.
Parabéns a todo o alumnado pola súa participación e esforzo e grazas @s Titores e Titoras polo seu importante traballo e apoio.
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG), en colaboración co Equipo de Biblioteca, segue a desenvolver a actividade LEMOS @S MÁIS PEQUEN@S, con novos equipos de alumn@s de 5º e 6º de primaria, que se achegan a ler contos en galego aos de educación infantil e 1º de educación primaria.
Grazas a tod@s polo voso esforzo!!!! O galego está nas vosas mans!!!
No Taboleiro da Lingua xa o BO PROVEITO conta cunha nova proposta culinaria da tempada, elaborada para este mes de Novembro por 5º Primaria. Trátase de Costelas de Porco con Cogomelos e Castañas e de postre Tarta de Mazá. Todos produtos propios de outono. Rico, rico!!! Parabéns polo voso traballo!!!
Hoxe celebramos o 25 de Novembro, data en que conmemoramos o Día Contra a a Violencia de Xénero. Desde que se recollen datos relativos ás
mulleres vítimas de xénero, foron
asasinadas 950 e no que vai do ano
2018, 39 mulleres máis , sen contabilizar aquelas asasinadas fóra
das relacións de parella, neste caso o número ascende a 77, por iso este curso, inspirándonos na canción de Rozalén "La Puerta Violeta", colocamos na entrada unha gran porta desa cor. Tamén, con pequenas chaves, fixemos unha chave máis grande para que abra a porta á igualdade e peche a porta da violencia. Parabéns a tod@s polo compromiso de erradicar unha lacra social que non debe seguir vixente.
Preme na porta para ver a publicación da Biblioteca do cole
Temos que comprometernos con eliminar os micromachismos, que son fórmulas de violencia cotiá e facer unha educación coeducativa, na escola e na casa, que traballe para que esa violencia tan sutil, que resulta invisible pero que reflicte as actitudes machistas presentes na sociedade, elimine a violencia de xénero. Saber identificalos é fundamental para combatelos. Dous libros que denuncian a discriminación e os estereotipos que aínda existen, son os de: "Artur e Clementina" e "Rosa Caramelo" da autora Adela Turín e a ilustradora Nella Bosnia, que vos deixo aquí. O primeiro nunha divertida versión feita polo CEIP Humberto Juanes de Nigrán, e o segundo feito por voluntari@s contacontos da Biblio do CEIP Plurilingüe Curros Enríquez Celanova.
Aquí vos deixo uns recursos para traballar o Día do Peón, que mañá celebraremos no noso colexio . Pero antes lede o Manifesto do Peón deste ano 2018, feito pola escritora María Lado, premendo a imaxe de Brinquedia.
A celebración dos magostos é unha das máis antigas tradición galegas. Esta festa coincide coa época da recollida da castaña polo que, entre outros aspectos, ten un carácter de agradecemento da colleita recibida. Pero o magosto tamén ten un simbolismo de festa dedicada aos nosos defuntos, non por nada a súa celebración coincide co mes de Santos. Polo San Martiño, no mes de outubro, as castañas xa maduras empezan a abrilos ourizos e a caer ao chan. A estas primeiras castañas en caer chámanlle nalgunhas zonas do interior “as do engazo”, xa que son recollidas co engazo ou angazo. Comeza entón a época dos magostos en Galicia. Esta celebración, cínguese normalmente ás datas comprendidas entre o 1 de novembro, Día de Tódolos Santos, e o 11 de novembro, festividade de San Martiño, aínda que tamén se poden celebrar nos días anteriores ou posteriores a estas datas, ou mesmo, dende mediados de outubro ata mediados de novembro. A etimoloxía da palabra magosto non está clara. Para algúns lingüistas esta denominación viría do latino Magnus-ostus, Magnus Ustus ou Magum Ustum co significado de grande lume, grande queima ou montón queimado, significados todos eles que fan referencia ao significado do lume nesta celebración. Respecto á orixe desta atiquísima festa, tampouco se sabe a ciencia certa de onde ven, pero parece innegable que existen conexións con outras festas do lume, xa sexan as fogueiras que se facían en Galicia na Noiteboa e no Nadal, ou as celebradas nos días de San Silvestre e de San Xoán. No magosto conflúen tres elementos principais: as castañas, o viño e o lume. As veces estas festas acompáñanse doutro tipo de viandas da terra como os chourizos e o pan. Son moitas as crenzas tecidas arredor dos magostos, pois hai quen cre que cada castaña que estoura no lume supón a liberación dunha alma encerrada no purgatorio. En canto ao seu aspecto simbólico, a castaña podería simbolizala inmortalidade, ao ser un froito que provén dunha árbore de longa vida. No colexio nos vindeiros días faremos as actividades do Magosto, por iso hai que ir preparando o porta-castañas que usaremos, así que aquí vos deixo o que facedes todos os anos cunha caixa de leite, pegando as dúas partes do brick, ao que hai que engadir un cordón para que poidades colgalo do colo e sexa máis doado para levar as presas das castañas e botar as casca sen problema. Ánimo que o facedes nun momentiño!!!
Aquí vos deixo os diferentes tipos de castañas galegas e se premedes na imaxe de máis abaixo, podedes ver o vocabulario galego da castaña
E para rematar un pouco de música. Bo Magosto rapaciñ@s!!!!
A noite do 31 de outubro comezaba o aninovo celta, como aínda se celebra na illa de Man. Nesta noite as ánimas dos finados voltan visitar as súas familias e as súas vellas casas para quentarense ao carón do lume e comer dos alimentos que con agarimo lles teñen preparados os parentes. Chega o outono. Tempo de castañas, noces, vento, follas secas e días escuros. É o tempo de recoller o maínzo e as cabazas. É tamén o tempo en que a rapazada fai as caveiras na cortiza das cabazas, seguindo unha antiga tradición dos tempos dos celtas. Os celtas foron uns habitantes de Galicia e un dos seus costumes era poñer unha luz acesa dentro das caveiras dos inimigos mortos. Xa hai moitos séculos que tal costume se perdeu, máis hoxe en día aínda fica a tradición de tallar unha caveira na cortiza dos melóns e das cabazas e poñer no seu interior unha candea que escentile pola noite.
Hoxe en día xa non se practican tales crenzas, máis ao longo do tempo mantívose un costume derivado destas: tallar caveiras na cortiza das cabazas e alumealas cunha candea no seu interior. Segue lendo para coñecer a historia do Samaín.
HISTORIA DO SAMAÍN
Na noite do 31 de
outubro comezaba o aninovo celta, marcando a transición do verán ao
inverno. Durante esta noite os druídas (a caste sacerdotal dos
celtas) recollían as bagas de acivro cunha fouce de ouro. Acto
seguido depositaban esas bagas nun caldeiro ou as tiraban a un manto
branco que sostiña outro druída no chan. Despois, esas bagas tan
especiais, terían indubidables poderes curativos para o poboado, e
para as súas elaboracións "máxicas".
Uns días antes do
ano novo, tiñan lugar innumerables sacrificios animais. Ademais de
ter un carácter relixioso, temos que ter en conta unha cousa que se
achega o inverno e hai que empezar a almacenar alimentos para facer
fronte aos duros meses que veñen por diante. Estes sacrificios de
animais, facíanse co obxectivo de aprovisionarse de carne e de pel
para o inverno. Era a súa peculiar "matanza".
Esa noite está
relacionada moi directamente co mundo dos mortos. Pois ben, esta
crenza estaba moi arraigada no pobo celta. Eles crían que esa noite,
unha "porta" abríase, e o mundo dos vivos quedaba en
comunicación co dos mortos, polo menos por unhas horas. Durante este
período non se podía saír do pobo, pois nesta noite, as ánimas
dos finados volven visitar ás súas familias e ás súas vellas
casas para quentárense ao carón do lume e comer dos alimentos que
con agarimo lles tiñan preparados os parentes. Durante esas horas,
podíase tocar, palpar e ata se podía traspasar ao mundo dos mortos.
Por iso en todo o pobo había fogueiras. Estas, non se acendían coa
intención de espantar aos malos espíritos, nin nada diso, senón
que se acendían para poder guiar aos mortos na escuridade da noite,
para que atopase aos seus parentes e fogares, e puidésense quentar
coa calor do lume do fogar.
Como apunte final a
esta festa celta, hai que mencionar unha curiosa tradición: os
celtas, esas noites, amontoaban as caveiras dos seus mortos (e tamén
dos seus inimigos) e pintábanas. Esta tradición tivo repercusións
na nosa cultura, xa que nas encrucilladas dos camiños facíanse
amontoamentos de pedras (chamados milladoiros) e tíñase o costume
de depositar unha pedra e pedir un desexo. Existe un milladoiro no
camiño de Santiago, que é famoso (ademais de estar preto de
Santiago de Compostela), porque posúe unha gran cruz de ferro. O
feito de depositar unha pedra alí é signo de que non terás mala
fortuna durante o que queda de viaxe, por iso os peregrinos soen
levar unha pedra desde o seu lugar de orixe, ou ben a collen antes de
chegar ao milladoiro.
A LENDA DA CABAZA
Fai moito tempo, nun
pequeno pobo irlandés había un monxe chamado Jack. Jack, segundo
algunhas lendas, era un tipo alto e delgado, que lle gustaba gastar
bromas e facer maldades. Pero era un home astuto, e tanto o cría el,
que ata fixo un pacto co demo. O pacto, contan, consistía en que o
demo non o deixaría ir ao inferno se Jack facía o mal na terra. E
así foi. Pero Jack era mortal, e como a todos os mortais chegoulle a
súa hora. No ceo non o deixaron entrar, non podían deixar entrar a
un ser tan malo, e claro no inferno o diaño cumpriu o seu parte e
non lle deixou pasar, pero deu a Jack unha lanterna, unha peculiar
lanterna en compensación por todo o mal causado. Esta lanterna
consistía nun nabo oco cun carbón que sería incandescente por
sempre. E desde entón cóntase que Jack (coñecido por Jack of the
Lantern, Jack da lanterna) deambula polo mundo coa súa lanterna en
busca dun lugar onde descansar.
Aquí vos deixamos xogos, cancións e contos para que celebredes o Samaín. Non deixedes de ver máis abaixo, porque tedes que traer unha lanterna para a LECTURA ÁS ESCURAS
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG), segue a desenvolver a actividade LEMOS @S MÁIS PEQUEN@S, na que @s alumno@s de 5º e 6º de primaria, se achegan a ler contos en galego aos de educación infantil e 1º de educación primaria.
Este ano a novidade é que a lectura se fai os venres e o pasado 19 de outubro tivo lugar a primeira sesión, coincidindo coa hora de lectura.
O noso obxectivo é favorecer un achegamento entre @s máis nov@s e @s maiores do noso colexio, que aportan a súa experiencia na lectura comprensiva e as súas vivencias e goce cun bo libro escrito en galego.
Coma en anteriores anos, os nenos e nenas colaboradoras, levarán un medallón co lema O GALEGO NAS NOSAS MANS, que tanta forza da a este proxecto, a prol da nosa lingua, que facemos en colaboración co Equipo de Biblioteca.
Grazas a tod@s polo voso esforzo!!!! O galego está nas vosas mans!!!
Durante
este curso no Taboleiro da Lingua estamos moi comellóns e comellonas, pois aproveitando que o PDI deste ano é BO PROVEITO, cada nivel de Educación Primaria e de Infantil, elaborará libremente una proposta culinaria relacionada coa nosa
contorna e as tradicións típicas da tempada en Galicia. Os escritos faranse na nosa lingua e a asignación por meses será a seguinte:
Outubro:
6º Primaria
Novembro:
5º Primaria
Decembro:
4º Primaria
Xaneiro:
3º Primaria
Febreiro:
2º Primaria
Marzo:
1º Primaria
Abril:
6º Infantil
Maio:
5º Infantil
Xuño:4º
Infantil
Así que xa temos o PRATO DO MES DE OUTUBRO que nos compartiron @s de sexto e que xa estamos desexando facer na casa: "Segredo de Porco con Castañas".