26/9/23

ARRINCANDO MOTORES!

   

 Un novo curso comeza e desde o Equipo de Dinamización Lingüística queremos seguir pescudando, coñecendo e promocionando a nosa lingua máis e mellor. Traballando xuntos, todos a unha, co resto de equipos do centro promoveremos a celebración, en galego, das múltiples actividades que realizaremos a nivel centro ao longo de todo este curso 2023-2024.

    A proposta eixo do Equipo para este curso vaise enfocar a ADICAR UN CHISCO DO NOSO TEMPO AOS MAIORES A TRAVERSO DO XOGO como APRENDIZAXE SERVIZO.  Así tentaremos que o alumnado sexa consciente dunha realidade concreta da contorna e poida actuar para mellorala.

    Queremos que os nenos e as nenas recoñezan e valoren que eles e elas tamén foron coma nós e que o paso do tempo fai que o seu día a día se atope, en ocasións, marcado pola rutina ou a soidade. Igualmente buscamos que o noso alumnado tamén se poida enriquecer coa sabedoría que as avoas e os avós seguen a desprender.

    Propoñemos ao profesorado a realización do XOGO DA OCA no que, aproveitando as diferentes actividades anuais que facemos no centro e sobre as que o alumnado estuda, elaboremos as casiñas da nosa oca a xeito de ilustración. Unha vez as teñamos todas faremos unha composición co que formaremos varios TABOLEIROS DA OCA, que doaremos á Residencia de maiores “Virxe das Virtudes”, ao centro de día e á Residencia de maiores “As Fragas”, sitas na nosa vila. Esta doazón enmarcarase nunha xornada de convivencia cos nosos maiores na que alumnado e profesorado xogará a este xogo con eles e adicará un tempo á sua escoita. A distribución para a elaboración das casiñas do taboleiro da oca implicará a todos os niveis de alumnado do centro.

    O traballo realizado irá formando parte do noso Taboleiro da Lingua de xeito que toda a comunidade educativa se emocione e implique nesta aprendizaxe servizo. Igualmente consideramos interesante que unha mostra desta OCA DOS NOSOS MAIORES quede na biblioteca do centro e outra, poida ser gozada polo alumnado nun espazo a determinar.

    Igualmente seguiremos a traballar conxuntamente co Equipo de Biblioteca na posta en marcha do PDI de centro “As olimpíadas”, mediante o cal motivaremos ao alumnado cara á ampliación do seu coñecemento sobre a orixe deste acontecemento que terá lugar en París no verán do ano 2024 e que serve de aglutinador de persoas e culturas a traverso do deporte: primeiros xogos olímpicos, celebración ao longo do tempo, disciplinas, comité olímpico, sedes, símbolos, mascotas… pero sobre todo tentaremos fomentar as calidades do espíritu olímpico que nos serven para enfrontar este proxecto e a vida mesma: esforzo, talento, traballo en equipo, solidariedade e tolerancia. Ao igual que todos os anos colaborarán neste “coñecemento global”: profesorado, alumnado, familias e calquera persoa ou institución que nos poida axudar a “saber máis”.


No hay comentarios:

Publicar un comentario