23/6/24

UN CURSO DE REVISTA

 E como remate deste curso OLÍMPICO presentamos a nosa revista na que podedes ollar todo o traballado polo alumnado e profesorado do centro. Agradecer a axuda inestimable de toda a comunidade educativa que coa súa presencia e o seu traballo, moitas veces "na sombra", axudan a que a actividade deste centro siga viva e renaza cada día.

  Os integrantes do Equipo de Dinamización da Lingua Galega deste curso 2.023-2.024 desexámosvos desde aquí un estupendo verán. Ata o vindeiro curso!.  

1/6/24

"A OCA DOS NOSO MAIORES", UN CURSO PARA POÑER EN PRÁCTICA A APRENDIZAXE SERVIZO.

 

Na primeira entrada deste curso no noso blog presentabamos, desde o Equipo de Dinamización da Lingua, a proposta "A OCA DOS NOSOS MAIORES". Logo de moito traballo e implicación por parte de alumnado e titorías poido facerse realidade. Este proxecto precisou de varias etapas que presentamos a continuación. 

1º- DESEÑO.

2º- ELABORACIÓN.

3º- TABOLEIRO DA OCA E INSTRUCCIÓNS DO XOGO.

Realizado en PVC e cun tamaño adaptado aos nosos maiores.

4º- AGASALLO AOS NOSOS MAIORES.

Durante esta última semana de maio o alumnado das aulas de Educación infantil de 5 anos e de 1º curso de Primaria, acompañado das súas titoras desprazáronse a Residencia de maiores "Nosa Señora das Virtudes", ao Centro de día "Lar do Eume" e á Residencia de maiores "As Fragas" situadas no noso concello. 

VISITA A RESIDENCIA DE MAIORES "Nosa Señora das Virtudes".

O alumnado da aula das Margaridas, de cinco anos, logo de explicar o obxectivo da sua visita e presentar o noso agasallo, quixeron saber: se tamén os maiores celebraban as mesmas festas que nós?, a que xogaban os cando eran pequenos?, como era o seu colexio?, que facían cando foron máis maiores?. A verdade que houbo cousas que lles sorprenderon moito pois os balóns podían facerse con trapos, xogábase ás canicas na terra, saltaban á corda nenos e nenas e nas clases podía haber ata corenta alumnos, que traballaron carretando herba para os animais, nunha fábrica de conservas, vendendo peixe conducindo ata lugares moi alonxados ou dando clase nunha escola...

Todos, maiores e pequenos, gozamos compartindo un anaquiño do noso tempo. Alí invitaronnos a uns bombóns e agasallaronnos cunhas chocolatinas riquísimas... Mil grazas pola acollida!

Para coñecer máis a fondo a vivencia destes nenos e nenas nesta visita premede no seu blog: 

 https://recunchodeinfantildocouceiro.blogspot.com/search/label/margaridas


VISITA A RESIDENCIA DE MAIORES "As Fragas".

O alumnado da aula dos Bombeiros e a súa mestra desprazáronse á parroquia de Vilar para visitar aos nosos maiores. Agradecemos ao Concello de Pontedeume o ofrecemento do autobús para trasladalos ata alí. Aínda que o percorrido foi curtiño a ilusión coa que saíron notouselles desde que chegaron e foron recibidos pola terapeuta ocupacional do centro e a directora do mesmo que lles diron a benvida e os presentaron aos maiores. Comezaron presentándose como aula e individualmente e os maiores máis atrevidos tamén o fixeron. Alí coñeceron a María, Carmen, Prudencio, Neli e moitos máis... Xuntos repasaron as casiñas máis tradicionais da oca e as elaboradas polo alumnado do noso cole. Encantoulles lembrar tradicións coma os Maios ou o Magosto (entonando cantigas de maio e falando do colar de zonchos) e facendo unha demostración de unha das casiñas, a da conmemoración do Día da Discapacidade (Teresa amosounos como se despraza grazas a sua cadeira de rodas eléctrica, e María co seu andador).  

Gozamos moito e aprendimos aínda máis (a xogar ao dominó) e poidemos compartir unha pequena parva. Finalmente recibimos un fermoso agasallo individualizado cun fermoso consello para cada un de nós que... nos chegou á alma. Mil grazas!

Para coñecer máis a fondo a vivencia destes nenos e nenas nesta visita premede no seu blog: 

https://recunchodeinfantildocouceiro.blogspot.com/search/label/bombeiros


VISITA AO CENTRO DE DÍA "LAR DO EUME".

ALUMNADO DE 1º A

Este grupo de nenas, nenos e a sua mestra prepararon estupendamente a visita aos nosos maiores pois fixeron de reporteiros e cantaron unha cantiga acompañados do son das pandeiretas. Ademais deuselles moi ben explicar o taboleiro da oca. Non lles faltou detalle. Os maiores contestaron amablemente a todas as suas preguntas e pasaron un ratiño moi divertido xogando á oca. Para rematar acompañaron as cantigas dos pequenos animándose a tocar as cunchas de vieira, os cascabeis e tamén algunha que outra pandeireta. Despedíronos interpretando eles mesmos a popular cantiga galega "Ondiñas veñen...".
Ah! E recibiron cadanseu agasallo preparado por Conchita, antiga profe do Couceiro e titora de práctica da profe Dámaris. Graciñas polo voso cariño!


 ALUMNADO DE 1º B

Os maiores do centro de día quedaron moi contentos coa visita dos nenos e nenas do Couceiro e cando souberon que outro grupo viría a velos decidiron preparar, coa sua psicomotricista, unha sesión de ximnasia para este novo grupo. O alumnado, nesta ocasión, quixo agasallalos cunhas adiviñas e uns xogos matemáticos (pero de maxia). Maiores e pequenos gozaron moitísimo da xornada e remataron, como non, cunha partidiña á Oca.
Igualmente, Conchita, tiña preparados os seus deseños que nenos e nenas recibiron agradecidos.
Moitas grazas por esta xornada!



Desde o Equipo e desde o propio centro estamos orgullosos do resultado obtido pois poder gozar do sorriso dos nosos maiores pasandoo xenial na compaña dos pequenos e pequenas, activando recordos, compartindo experiencias de infancia, de xuventude... e xogando ao xogo da oca personalizado representando as casiñas orixinais deste xogo e adaptando outras ao noso contexto escolar: cos materiais que adoitamos empregar no noso día a día na escola (cores, caderno, afialápis...), coas festividades e conmemoracións que realizamos no cole (día da paz, entroido, maios...) e así como algún lugar representativo de Pontedeume (a ponte de pedra, a ponte de ferro, a fonte do Pilón, o albergue de peregrinos...), foi todo un pracer. 

LEMBREMOS SEMPRE QUE GRAZAS AOS NOSOS MAIORES, 

SOMOS E ESTAMOS


5º- PRESENTACIÓN DO TABOLEIRO DA OCA  AO ALUMNADO DO CENTRO.

En agradecemento ao traballo e implicación de alumnado e profesorado, desde o equipo presentamos, o Taboleiro da Oca que permanecerá na Biblioteca do Centro, a todas as aulas.  Así mesmo trasladamos as felicitacións que nos fixeron chegar desde os centros de maiores tanto os seus usuarios como os responsables dos mesmos. 
Desde alí... apúntanse tamén a visitarnos algún día. Recibámolos cos brazos abertos porque eles... déronnolo todo.