2/11/18

MAGOSTO 2018



A celebración dos magostos é unha das máis antigas tradición galegas. Esta festa coincide coa época da recollida da castaña polo que, entre outros aspectos, ten un carácter de agradecemento da colleita recibida. Pero o magosto tamén ten un simbolismo de festa dedicada aos nosos defuntos, non por nada a súa celebración coincide co mes de Santos.

 Polo San Martiño, no mes de outubro, as castañas xa maduras empezan a abrilos ourizos e a caer ao chan. A estas primeiras castañas en caer chámanlle nalgunhas zonas do interior “as do engazo”, xa que son recollidas co engazo ou angazo. Comeza entón a época dos magostos en Galicia. Esta celebración, cínguese normalmente ás datas comprendidas entre o 1 de novembro, Día de Tódolos Santos, e o 11 de novembro, festividade de San Martiño, aínda que tamén se poden celebrar nos días anteriores ou posteriores a estas datas, ou mesmo, dende mediados de outubro ata mediados de novembro.

A etimoloxía da palabra magosto non está clara. Para algúns lingüistas esta denominación viría do latino Magnus-ostus, Magnus Ustus ou Magum Ustum co significado de grande lume, grande queima ou montón queimado, significados todos eles que fan referencia ao significado do lume nesta celebración.

Respecto á orixe desta atiquísima festa, tampouco se sabe a ciencia certa de onde ven, pero parece innegable que existen conexións con outras festas do lume, xa sexan as fogueiras que se facían en Galicia na Noiteboa e no Nadal, ou as celebradas nos días de San Silvestre e de San Xoán.

 No magosto conflúen tres elementos principais: as castañas, o viño e o lume. As veces estas festas acompáñanse doutro tipo de viandas da terra como os chourizos e o pan. Son moitas as crenzas tecidas arredor dos magostos, pois hai quen cre que cada castaña que estoura no lume supón a liberación dunha alma encerrada no purgatorio. En canto ao seu aspecto simbólico, a castaña podería simbolizala inmortalidade, ao ser un froito que provén dunha árbore de longa vida.

No colexio nos vindeiros días faremos as actividades do Magosto, por iso hai que ir preparando o porta-castañas que usaremos, así que aquí vos deixo o que facedes todos os anos cunha caixa de leite, pegando as dúas partes do brick, ao que hai que engadir un cordón para que  poidades colgalo do colo e sexa máis doado para levar as presas das castañas e botar as casca sen problema. 

Ánimo que o facedes nun momentiño!!!

                               

Aquí vos deixo os diferentes tipos de castañas galegas e se premedes na imaxe de máis abaixo, podedes ver o vocabulario galego da castaña

                              http://www.lingua.gal/c/document_library/get_file?folderId=1647069&name=DLFE-10299.pdf

                        https://picasaweb.google.com/lh/photo/JY2wq6eTLcaSnVBWpFb4ANMTjNZETYmyPJy0liipFm0?feat=directlink

E para rematar un pouco de música. 
Bo Magosto rapaciñ@s!!!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario