Próximos a rematar o curso, chéganos o arrecendo de pratos deliciosos "cociñados" polos nenos e nenas de Infantil. Tal é o caso da "Pescada con Patacas Cocidas" que fixeron @s de cinco anos.
Os "Pementos fritidos" do mes de Maio feitos por 5º de Infantil, están para comelos.
E as "Sardiñas Asadas" dos de 3 anos para xuño, cheiran que arrecenden!!
Deste xeito, rematamos a iniciativa do Equipo de Dinamización da Lingua Galega como parte do PDI BO PROVEITO!, andaina que comezamos no mes de outubro co alumnado de 6º de Educación Primaria e que rematamos con 4º de Educación Infantil. Este logro foi posible, grazas ao apoio dos titores e titoras de tódolos cursos que mensualmente fixeron uns menús axeitados para cada estación, con produtos bos para a saúde e que respectan a pirámide dos alimentos e integran receitas tradicionais da nosa terra. Parabéns!!
Onte 16 de maio, celebramos no colexio o Día das Letras Galegas, cunha xornada chea de actividades que nos fixeron reflexionar sobre a importancia do galego nas nosas vidas, a través da figura destacada neste 2019: Antón Fraguas.
O Taboleiro da Lingua, servíu para resaltar a este persoeiro tan importante para a nosa terra, a quen agasallamos facendo numerosos debuxos dos seus retratos e da súa obra.
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega, desenvolveu, a actividade "Madriñas e Padriños Lectores" na que participou todo o alumnado do colexio, tanto de Educación Infantil como de Educación Primaria, coa colaboración do profesorado e, de maneira especial, do Equipo de Biblioteca do centro e dos titores e titoras. O resultado foi fantástico!!
Xa na nosa biblioteca escolar, contamos con libros de Antón Fraguas, como o "Cantigueiro de Cotovade", que estaremos a traballar durante todo o curso.
O patio e os corredores do colexio, convertéronse en lugares axeitados para ler en galego. Velaí o resultado!
A celebración das Letras Galegas, estivo chea de sorpresas e chegou o momento dos premios do "XI Certame de Poesía Couceiro Freijomil", que tanto traballamos nas aulas e que este curso foi adicado ao Proxecto Documental Integrado elixido: BO PROVEITO! O nivel foi moi alto e o xurado do Equipo de Biblioteca, tivo moi difícil elixir @s gañador@s entre os finalistas seleccionados.
Tamén o traballo dos grupos para rematar o Álbum Bilingüe, organizado polas especialistas de inglés e feito en inglés e galego, tivo a súa recompensa para tódolos niveis de Infantil e Primaria.
Os agasallos que recibiron, compártense entre tod@s na clase, así que foi unha festa para todos e todas as participantes.
Finalmente rematamos bailando a muiñeira, seguindo @s compañeir@s que participaron nun "Mar de Muiñeiras" en Navantia. Quedou xenial!
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CEIP Couceiro Freijomil, vamos desenvolver na semana das Letras Galegas, a actividade "Madriñas e Padriños Lectores" no que intervirá todo o alumnado do colexio, tanto de Educación Infantil como de Educación Primaria, coa colaboración do profesorado e, de maneira especial, do Equipo de Biblioteca do centro.
O obxectivo é valorizar a nosa lingua, mediante a lectura de obras en galego, especialmente do autor homenaxeado no 2019, Antonio Fraguas. Seguidamente vos compartimos importante documentación para traballar na aula ou na casa, que vos axudará a comprender a inmensa figura deste home sinxelo e tan grande á vez: escritor, historiador, profesor, etnógrafo e antropólogo, que traballou toda a súa vida por Galicia.
Antón Fraguas Fraguas, nado en Insuela, en Loureiro (Cotobade), o 28 de decembro de 1905 e falecido en Santiago de Compostela o 5 de novembro de 1999, destacado historiador e antropólogo galeguista, foi escollido polo pleno da Real Academia Galega como o persoeiro homenaxeado no Día das Letras Galegas do vindeiro ano 2019.
En 1963 foi nomeado director do Museo Municipal de Santiago, instalado no convento de San Domingos de Bonaval, que en 1975 pasou a ser denominado Museo do Pobo Galego.
Outros cargos que desempeñou Fraguas ao longo da súa vida foron, entre outros, a coordinación da sección de Antropoloxía do Consello da Cultura Galega (1983), membro numerario da Real Academia Galega das Ciencias, a Real Academia da Historia, a Asociación de Arqueólogos de Portugal ou a Sociedade Portuguesa de Etnoloxía.
Foi nomeado Pontevedrés do ano en 1973; concedéronlle o Pedrón de Ouro en 1984 e a Insignia de Ouro do Museo do Pobo Galego o mesmo ano; recibiu o Premio Trasalba en 1985, e a Medalla Castelao; Premio Otero Pedrayo en 1992, ano en que tamén foi nomeado Cronista Oficial de Galicia; Premio das Artes e das Letras de Galicia en 1995. En 1989 foi nomeado fillo adoptivo de Santiago de Compostela.
Trala súa morte, creouse a Fundación Antonio Fraguas no Museo do Pobo Galego, co obxecto de “proxectar, conservar e dinamizar o patrimonio que Fraguas e toda a xeración por el representada crearon e rescataron para a conservación futura da memoria de Galicia”. Así mesmo, a Deputación Provincial da Coruña convocou na súa memoria o Certame de Artesanía Antonio Fraguas Fraguas.
Leva o seu nome o IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela, así como rúas en varias cidades e vilas.
Antonio Fraguas na inauguración do Museo do Pobo Galego
Preme na imaxe do Portal da Lingua Galega. Equipos de Dinamización.
Preme na imaxe e podes acceder a documentos, unidades didácticas e fotos no Seminario Galán, para traballar na Semana das Letras Galegas.
Tamén podes atopar moito material relativo a Antonio Fraguas na Primavera das Letras da Real Academia Galega, premendo na imaxe
«Levántate Maio, que tanto durmiches, pasou o burro e ti non o viches. Seresín, seresán, que de noite virán»
As orixes da festa remóntanse ás antigas civilizacións prerromanas, como a celta. A festividade celta de Beltane marcaba o inicio do veránpastoral cando as rabaños de gando eran levados cara aos pastos de verán e as terras de pasto das montañas. De aí a adoración dos fenómenos terrenais: terra, mar e aire. Unha das principais actividades da festividade consistía en acender fachos nas montañas e outeiros con rituais e significados políticos[1]. A tradición estivo presente en Roma, entre o culto a multitude de deuses. Os romanos tamén asimilaron esta tradición mayumea en honra da chegada da primavera e das primeiras flores do ano, o día que corresponde co actual primeiro de maio. E todo poboado romano tiña ademais dos deuses oficiais os propios autóctonos. En Hispania adorábase a deusa Bona Dea[2], que non era outra cá deusa da fertilidadeMaia ou Fauna na mitoloxía romana, coa que se celebraba a chegada da primavera nunhas festas que recibían o nome de Floralia. Seguramente esta tradición sufriu variacións coa chegada da civilización árabe aos campos de Castela, como a manifestación en cantos ou rondas á persoa amada. Finalmente, o cristianismo asimilou multitude de festas pagás profesadas con anterioridade á súa implantación en festas relixiosas, sendo este un claro exemplo: a maioría destas pasaron a ser festas en honra á Virxe María. (Wikipedia)
As figuras que protagonizaban a festa dos maios, permiten clasificalos en:
Maios figurados: unha figura en forma de cono modelo máis tradicional ou de calquera outra forma (maios artísticos). Dentro deste grupo incluiríase a árbore de maio.
Maios humanos: unha persoa -neno ou adulto- cuberto de pólas, follas, flores etc.
Os maios figurados consisten nunha armazón ou esqueleto de paus ou táboas de forma cónica ou piramidal, recuberto de tea metálica ou arpillera, que se cobre de mofo (hoxe prohibido por estar protexido), fiúncho ou herba. A armazón constrúese sobre unha plataforma que, a modo de padiola, permitía transportar o maio polas rúas do lugar.
Sobre esta estrutura debúxanse distintos motivos con flores, follas, fiúncho, fentos, bugallos, froitos ou mesmo ovos, como materiais máis habituais. O cumio remátase (coróase) cunha cruz. Hoxe, a imaxinación popular tamén constrúe maios coas figuras máis variadas: pontes, hórreos, cruceiros, casas, animais, figuras humanas etc. En localidades costeiras, fanse tamén con forma de barco.
Os maios humanos podían ser individuais: un mozo ou moza, ás veces disfrazados, adornados con flores, follas ou pólas e cunha coroa de flores. Cando se trataba dunha nena, a maia, ía vestida de branco, con ás e coroas de flores. Noutros lugares eran grupos de xente vestidos do mesmo xeito, e que cantaban e danzaban arredor do maio. Este tipo de maios moi habituais hai un cento de anos foron esmorecendo pouco a pouco até chegar case á desaparición.
"Conta Vicente Risco que o Maio vivente “que aparece en Galicia é o home ou rapaz cuberto de follatos e de flores que leva por nome o Maio. Semella ser propio do norte e do leste da nosa Terra, pois nas outras partes, o Maio é unha sorte de pirámide feita de pau e cuberta de verduras e flores, que se leva en andias, o cal pode ser un substituto do Maio vivente [que] se atopa ou atopouse ―pois nalgúns lados desapareceu― en Santiago, A Coruña, Pontedeume, Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo, Lugo, Monforte, Castro Caldelas, O Carballiño, Ribadavia, etc. É un rapaz cuberto de follas e flores, que sae polas rúas en compaña dunha pandilla de nenos ou mozotes, os cales, de tempo en tempo, paran e cantan arredor do Maio cantigas axeitadas, que veñen xa de tradición, e piden as maiolas ou maias, que son castañas secas ou noces, e se cadra, máis modernamente, diñeiro […]. Ía vestido cunha faldamenta e unha esclavina feitas de espadana, fiúncho e lesta, enfiafos en cordas e adornadas de flores, e na cabeza un ramo de fiúncho cos rabos para riba e rematados en tres coroas de flores e un florón de lirios, na man levaba un bordón florido. Os do coro levaban paus e con eles marcaban o compás do canto […]. Ó rematar, o Maio deitase no chan para que lle boten as maiolas por riba e érguese cando lle din o Levántate Maio" (Vicente Martínez Risco:Etnografía, en Obras Completas, t. III, Galaxia, Vigo, 1994, p. 609 e 610)" (Crónicas dun fillo de Pontedeume, José Fonte)
A xesta como elemento protector das portas.
Participamos no concurso do Concello e foi todo un éxito, tanto a celebración no colexio, coma os premios aos nosos Maios. Velaí o resultado.
Parabéns a todo o alumnado e o profesorado e ás familias!!!