28/3/19

PRATO DO MES DE MARZO NO TABOLEIRO DA LINGUA

No Taboleiro da Lingua xa o BO PROVEITO conta cunha nova proposta culinaria, elaborada para este mes de Marzo por 1º de Primaria: Polbo con Cachelos.

A proposta non pode ser máis popular e rica, pois o noso polbo gústalle a todo o mundo. A presentación en plastilina, é moi axeitada  e cáseque podemos ulir o  ben que arrecende este prato que podemos xantar en calquera época do ano

Parabéns e Bo Proveito!!



oveito !!! 

24/3/19

DÍA DA POESÍA E DO TEATRO 2019

O 21 de marzo, celébrase o Día da Poesía. De acordo coa decisión da UNESCO, o principal obxectivo desta acción é apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e dar a oportunidade ás linguas ameazadas de ser un vehículo de comunicación artística nas súas comunidades respectivas.

O alumnado de 6º B e 5º A recitou versos de Rosalía de Castro, de Manuel María, Paula Carballeira e Edita Nogueira. Escolléronos  ademais de pola súa beleza pola súa temática, a alimentación, dentro do PDI deste curso. 
O 27 de marzo festéxase o Día Mundial do Teatro e os nenos e nenas de 5ºA presentaron "A revolución das verduras" e o alumnado de 6ºA  "Farsa e xustixa do correxidor".
Nestes vídeos podedes lembrar as súas actuacións:

CONVOCATORIA XI CERTAME DE POESÍA COUCEIRO FREIJOMIL 2019

XI Certame de Poesía  CEIP “Couceiro Freijomil”, convocada polo Equipo de Biblioteca. A Temática das poesías a  presentar neste certame é: A ALIMENTACIÓN.
 Escoitaremos as poesías finalistas no Festival das Letras Galegas e Güino terá agasallos para todas elas.
Para ir "abrindo boca" podedes coller libros da selección que está no moble da entrada da nosa biblioteca. Lembrade que as poesías deberanse elaborar nas aulas e presentaranse antes do 10 de maio na biblioteca.
Moito ánimo!!! Seguro que este ano teremos versos ben apetitosos!


7/3/19

ENTROIDO 2019

O Entroido é unha festa que ten unha orixe moi antiga e recolle aspectos da cultura dos celtas e das antigas festas do comezo de ano e do fin do inverno.
 En Galicia O Entroido, tamén chamado Antroido ou Introido, é unha celebración de longa tradición popular e no noso centro traballamos para que non se perdan as nosas tradicións, preparando bailes, disfraces e cantigas, nunha colaboración familia-colexio, que podedes ver de seguido

 

O ENTERRO  DA SARDIÑA
 Este ritual do Entroido non naceu en Galicia, senón que veu importado de Madrid, a
onde no reinado do monarca borbónico Carlos III, procedente dalgún porto do norte de
España, chegou un cargamento de sardiñas en mal estado, polo que as autoridades competentes,
malia as condicións de pobreza da poboación, acordaron enterralas na «Casa de Campo».
O pobo, aínda que ao comezo protestou e provocou algúns incidentes, logo participou
cun tono burlesco e sarcástico en dito enterro, que sería recordado anualmente.
A QUEIMA DO MECO
Polo xeral un meco é sempre un personaxe que representa un bébedo, lacazán e lambón que soe ter debilidade pola comida e os cartos. 
A primeira mención que se ten en Galicia do meco, faina o Pai Sarmiento no século XVIII. Cóntase que a súa orixe estaría na localidade do Grove. Alí vivira un home que tiña unha longa fama de vividor, bebedor e mullereiro. Dise que pola súa actitude foron os propios habitantes da vila que chegado o día de entroido, fartos dos seus abusos, collérono e aforcárono, pendurándoo dunha figueira. Cando as autoridades pescudaron polo autor do crime, as xentes da vila, un por un, autoinculpáranse do crime. Gracias a isto ninguén puido ser acusado.
"XA MORREU"
Tamén nós representamos cada ano a queima do "Finado" e choramos pola súa perda cantando o "Xa morreu", típico de Pontedeume e senón mirade.
-Xa morreu!
Xa morreu!
dunha enchente que comeu.
Non chorar!
Non chorar!
que o vamos enterrar.
-Este Antroido que aquí vai
éche un valiente animal,
en vez de ir en automóbil.
vaiche dentro dun tabal.
-Ai la, la, la, la.
Ai la.
Ai la, la, la, la.
Ai la.
Ai la, la, la, la.
Ai la, la, la, la.
-Subeu polos Espenedos
e baixou polo Escorial.
E chegou a Pontedeume

o martes de carnaval

A música do "Xa morreu", non se sabe de quen é e xa hai constancia de que se cantara en 1910 en castelán tamén con esta letra.
O "tabal", ao que fai mención a canción, é unha caixa onde se acomodan as mariquitas, ás sardiñas salgadas, tan típicas da nosa vila.




22/2/19

"EU SON ROSALÍA". DÍA DE ROSALÍA 2019


Aquí vos compartimos a actividade organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do noso colexio, que realizamos este curso para o Día de Rosalía e no que participou todo o alumnado, o profesorado e o persoal do noso centro escolar.
"EU SON ROSALÍA" forma parte do Proxecto de Dinamización Plurianual: "O Galego nas Nosas Mans", que este ano unimos co PDI do colexio: Bo Proveito!!!
As poesías seleccionadas de Rosalía, están vinculadas á comida e a fame e participaron na elaboración dos traballos desde 4º de Educación de Infantil ata 6º de Educación Primaria.
Parabéns a todas e todos pola vosa participación!!!!


17/2/19

DIA DE ROSALÍA 2019


https://academia.gal/figuras-homenaxeadas/-/journal_content/56_INSTANCE_8klA/10157/23374


Preme na imaxe (Real Academia Galega)

O 24 de Febreiro conmemoraremos en Galicia, e en diferentes partes do mundo,  o Día de Rosalía de Castro, no aniversario do nacemento da autora e numerosas entidades e asociacións, convocan á cidadanía a traballar a prol da nosa lingua mediante a figura e a obra da nosa máis representativa autora, como é o caso da Real Academia Galega, que podedes consultar premendo a imaxe coa que abrimos esta presentación e que é a derradeira foto de Rosalía coa súa familia na Casa da Matanza en Padrón.
Desde 2010 a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), pide que se agasalle nesta data cun libro en galego e unha flor, e este ano propón divulgar o manifesto escrito por Ana Romaní e tamén que os colexios divulguemos as actividades que vamos desenvolver. 
O EDLG participamos nesa iniciativa, e xa informamos ao AELG da actividade, que levaremos a cabo o vindeiro 22 de febreiro. Preme no noso colexio e verás a publicación da nosa iniciativa CEIP Couceiro Freijomil




















A actividade "EU SON ROSALÍA",  convocada polo EDLG do noso colexio, forma parte do noso Proxecto Plurianual, "O GALEGO NAS NOSAS MANS" e que neste curso 2018-2019, uniremos ao PDI do centro: "Bo Proveito!!", con poemas de Rosalía que nos que falan da comida e da fame. 
A actividade consistirá en posar ante un gran mural coas fotos de Rosalía, portando cartolinas cos seus versos.


Posteriormente, con todo o material faremos unha presentación que divulgaremos mediante o blog A Casqueira e outros medios.Tamén durante toda a xornada soará música cos poemas de Rosalía polos corredores do colexio.

BIOGRAFÍA DE ROSALÍA
A vida de Rosalía é realmente apaixonante desde o seu nacemento, o 24 de febreiro de 1837, xa que foi  filla de nai solteira e fidalga e un sacerdote. A súa historia desenvolveuse, entre Padrón, Santiago, Madrid, Vigo, Lugo, Simancas, A Coruña e Lestrobe. Nai de sete fillos e fillas, casou con Manuel Murguía e morreu en 1885 aos 48 anos de idade despois de escribir numerosas obras literarias recoñecidas en todo o mundo.
Hoxe está enterrada no Panteón dos Galegos Ilustres, no Convento de Santo Domingo de Bonaval de Santiago de Compostela.
Seguidamente  podes consultar a súa biografía completa, editada pola Fundación Rosalía, premendo  a foto que lle fixo o fotógrafo  Cardarelly, en  Santiago de Compostela na década dos 60 do século XIX. Tamén  a cronoloxía da súa vida e unha escolma de poemas de Cantares Gallegos e de Follas Novas e música cos seus poemas. 

CRONOLOXÍA DE ROSALÍA (ver nunha nova ventá) 





                                     



            
         Preme a imaxehttps://gl.wikisource.org/wiki/Cantares_gallegos

Preme a imaxe (Fundación Rosalía de Castro)



A Fundación Rosalía de Castro volve poñer en marcha este 2019 no aniversario de Rosalía o “Caldo de Gloria”, unha iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia. (Segue lendo esta iniciativa, premendo "Caldo de Gloria")                                                                                                                                                                                                                                                                                       

CALDO DE GLORIA

“Vin de Santiago a Padrón…” 

 Miña casiña, meu lar,

¡cántas onciñas

de ouro me vals!
Vin de Santiago a Padrón
cun chover que era arroiar,

descalciña de pe e perna,

sin comer nin almorzar.
Polo camiño atopaba

ricas cousas que mercar,

i anque ganas tiña delas

non tiña para as pagar.
Nos mesóns arrecendía

a cousas de bon gustar,

mais o que no ten diñeiro

sin elas ten que pasar.
Fun chegando á miña casa

toda rendida de andar,

non tiña nela frangulla

con que poidera cear.
A vista se me barría,

que era aquél moito aunar.

Fun á porta dun veciño

que tiña todo a fartar;

pedínlle unha pouca broa
e non ma quixo emprestar.

As bagullas me caían,

que me fora a avergonzar.

Volvínme á miña casiña
alumada do luar;

Rexistréi cada burato

para ver de algo atopar;

atopéi fariña munda,
un puñiño a todo dar.

Vino no fondo da artesa.

Púxenme a Dios alabar.

Qixen alcendelo lume;

non tiña pau que queimar;

funllo a pedir a unha vella;

tampouco mo quixo dar,

si non era un toxo verde

para me facer rabiar.

Volvín triste como a noite

a chorar que te chorar;

collín un feixe de palla,

do meu leito o fun pillar;

rexistréi polo cortello

mentras me puña a rezar

e vin uns garabulliños

e fieitos a Dios dar.
¡Meu San Antón milagroso,
xa tiven fogo no lar!
Arriméi o pote ó lume
con augua para quentar.
Mentras escarabellaba
na cinza, vin relumbrar
un ichavo de fertuna…
¡Mixa Virxe do Pilar!
Correndiño, correndiño
o fun en sal a empregar;
máis contenta que unhas páscoas
volvín a porta a pechar,
e na miña horta pequena
unhas coles fun catar.
Con un pouco de unto vello
que o ben soupen aforrar,
e ca fariñiña munda,
xa tiña para cear.
Fixen un caldo de groria
que me soupo la mar;
fixen un bolo do pote
que era cousa de envidiar;
despóis que o tiven comido,
volvín de novo a rezar;
e despóis que houben rezado,
puxen a roupa a secar,
que non tiña fío enxoito
de haber tanto me mollar.
Nantramentras me secaba,
púxenme logo a cantar
para que me oíran
en todo o lugar:
          Meu lar, meu fogar,

¡cántas onciñas

de ouro me vals!

"Follas novas"  Rosalía de Castro




Has de cantar,

que che hei de dar zonchos;

has de cantar,

que che hei de dar moitos.



I

Has de cantar,

meniña gaiteira;
has de cantar,
que me morro de pena.


Canta, meniña,

na veira da fonte;
canta, daréiche
boliños do pote.


Canta, meniña,

con brando compás,
daréiche unha proia
da pedra do lar.


Papiñas con leite

tamén che daréi;
sopiñas con viño,
torrexas con mel.


Patacas asadas

con sal e vinagre,
que saben a noces.
¡Qué ricas que saben!


¡Qué feira, rapaza,

si cantas faremos...!
Festiña por fora,
festiña por dentro.


Canta, si queres,

rapaza do demo;
canta, si queres;
daréiche un mantelo.


Canta, si queres,

na lengua que eu falo.
Daréiche un mantelo.
Daréiche un refaixo.


Co son da gaitiña,

co son da pandeira,
che pido que cantes,
rapaza morena.


Co son da gaitiña,

co son do tambor,
che pido que cantes,
meniña, por Dios.


Asi mo pediron

na beira do mar,
ó pe das ondiñas
que veñen e van.


  Fígado con cebola ben frixida
i unha folliña de laurel cheirosa,
que inda a un morto ben morto dera vida
de tan rica, tan tenra e tan sabrosa.

Raxo en sorsa cun cheiro que convida,
i a sangre das morcillas sustanciosa
en fregada caldeira rebotando
a que fagan morcillas convidando.

"Cantares Gallegos" Rosalía de Castro

10/2/19

PRATO DO MES DE FEBREIRO NO TABOLEIRO DA LINGUA

No Taboleiro da Lingua xa o BO PROVEITO conta cunha nova proposta culinaria, elaborada para este mes de Febreiro por 2º de Primaria: Lacón con grelos e chourizos.

Parabéns aos nenos e nenas de 2º pola súa presentación en plastilina, á que non lle faltou detalle, pois aparecen os grelos, a cachucha, o touciño, o lacón, os garavanzos, as patacas, os chourizos e un cachiño de costela

Bo Proveito !!! 





3/2/19

AS NOSAS INICIATIVAS DE DINAMIZACIÓN NO PORTAL DA LINGUA GALEGA

Nas iniciativas de Dinamización do Portal da Lingua Galega, aparecen tres iniciativas do EDLG do noso colexio, que podedes consultar premendo o enlace

Lemos @s máis pequen@s, Almanaques de peto 2019 e Revista Abrente




RECEITARIO DE OUTONO, BO PROVEITO!!

Xa tendes á vosa disposición o libro: "Receitario de Outono",feito por iniciativa do Equipo de Biblioteca, que fixemos entre todo o profesorado e o alumnado do colexio, dentro das actividades do noso PDI do curso, Bo Proveito! Esperamos que vos guste esta presentación realizada polo Equipo de Dinamización das TIC.

31/1/19

DÍA DA PAZ 2019


 O Día da Paz, celébrase o 30 de xaneiro, dedicado a conmemorar nas escolas unha cultura de non violencia e paz e nós  preparamos as actividades artísticas, plásticas e musicais para participar xunto con toda a Comunidade Educativa nos actos centrais da Non Violencia e a Paz.

Este ano cantamos e bailamos a canción, "O Mundo é Grande" de Mamá Cabra, pero tamén  traballamos coa mestura de cores para procurar o branco que simboliza a PAZ. Para iso fixemos un xoguete tradicional, "o zumbador", que podedes ver na foto.

Os de 2º e 1º, decoraron o corredor principal cunha pota moi simpática para cociñar a Paz con ingredientes como a amizade, o perdón, as apertas e todo o que nos axude a convivir sen violencia.

                                                  PREMIO NOBEL DA PAZ 2019

Denis Mukwege é un médico xinecólogo e activista congoleño que foi galardoado co Premio Nobel da Paz xunto con Nadia Murad «polos seus esforzos para erradicar a violencia sexual como arma en guerras e conflitos armados».
Fundou e traballou no Hospital Panzi en Bukavu, onde se especializou no tratamento das mulleres que foron violadas polas forzas rebeldes durante a Guerra de Kivu e posteriores conflitos desenvolvidos na República Democrática do Congo.