22/2/19

"EU SON ROSALÍA". DÍA DE ROSALÍA 2019


Aquí vos compartimos a actividade organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do noso colexio, que realizamos este curso para o Día de Rosalía e no que participou todo o alumnado, o profesorado e o persoal do noso centro escolar.
"EU SON ROSALÍA" forma parte do Proxecto de Dinamización Plurianual: "O Galego nas Nosas Mans", que este ano unimos co PDI do colexio: Bo Proveito!!!
As poesías seleccionadas de Rosalía, están vinculadas á comida e a fame e participaron na elaboración dos traballos desde 4º de Educación de Infantil ata 6º de Educación Primaria.
Parabéns a todas e todos pola vosa participación!!!!


17/2/19

DIA DE ROSALÍA 2019


https://academia.gal/figuras-homenaxeadas/-/journal_content/56_INSTANCE_8klA/10157/23374


Preme na imaxe (Real Academia Galega)

O 24 de Febreiro conmemoraremos en Galicia, e en diferentes partes do mundo,  o Día de Rosalía de Castro, no aniversario do nacemento da autora e numerosas entidades e asociacións, convocan á cidadanía a traballar a prol da nosa lingua mediante a figura e a obra da nosa máis representativa autora, como é o caso da Real Academia Galega, que podedes consultar premendo a imaxe coa que abrimos esta presentación e que é a derradeira foto de Rosalía coa súa familia na Casa da Matanza en Padrón.
Desde 2010 a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), pide que se agasalle nesta data cun libro en galego e unha flor, e este ano propón divulgar o manifesto escrito por Ana Romaní e tamén que os colexios divulguemos as actividades que vamos desenvolver. 
O EDLG participamos nesa iniciativa, e xa informamos ao AELG da actividade, que levaremos a cabo o vindeiro 22 de febreiro. Preme no noso colexio e verás a publicación da nosa iniciativa CEIP Couceiro Freijomil




















A actividade "EU SON ROSALÍA",  convocada polo EDLG do noso colexio, forma parte do noso Proxecto Plurianual, "O GALEGO NAS NOSAS MANS" e que neste curso 2018-2019, uniremos ao PDI do centro: "Bo Proveito!!", con poemas de Rosalía que nos que falan da comida e da fame. 
A actividade consistirá en posar ante un gran mural coas fotos de Rosalía, portando cartolinas cos seus versos.


Posteriormente, con todo o material faremos unha presentación que divulgaremos mediante o blog A Casqueira e outros medios.Tamén durante toda a xornada soará música cos poemas de Rosalía polos corredores do colexio.

BIOGRAFÍA DE ROSALÍA
A vida de Rosalía é realmente apaixonante desde o seu nacemento, o 24 de febreiro de 1837, xa que foi  filla de nai solteira e fidalga e un sacerdote. A súa historia desenvolveuse, entre Padrón, Santiago, Madrid, Vigo, Lugo, Simancas, A Coruña e Lestrobe. Nai de sete fillos e fillas, casou con Manuel Murguía e morreu en 1885 aos 48 anos de idade despois de escribir numerosas obras literarias recoñecidas en todo o mundo.
Hoxe está enterrada no Panteón dos Galegos Ilustres, no Convento de Santo Domingo de Bonaval de Santiago de Compostela.
Seguidamente  podes consultar a súa biografía completa, editada pola Fundación Rosalía, premendo  a foto que lle fixo o fotógrafo  Cardarelly, en  Santiago de Compostela na década dos 60 do século XIX. Tamén  a cronoloxía da súa vida e unha escolma de poemas de Cantares Gallegos e de Follas Novas e música cos seus poemas. 

CRONOLOXÍA DE ROSALÍA (ver nunha nova ventá) 





                                     



            
         Preme a imaxehttps://gl.wikisource.org/wiki/Cantares_gallegos

Preme a imaxe (Fundación Rosalía de Castro)



A Fundación Rosalía de Castro volve poñer en marcha este 2019 no aniversario de Rosalía o “Caldo de Gloria”, unha iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia. (Segue lendo esta iniciativa, premendo "Caldo de Gloria")                                                                                                                                                                                                                                                                                       

CALDO DE GLORIA

“Vin de Santiago a Padrón…” 

 Miña casiña, meu lar,

¡cántas onciñas

de ouro me vals!
Vin de Santiago a Padrón
cun chover que era arroiar,

descalciña de pe e perna,

sin comer nin almorzar.
Polo camiño atopaba

ricas cousas que mercar,

i anque ganas tiña delas

non tiña para as pagar.
Nos mesóns arrecendía

a cousas de bon gustar,

mais o que no ten diñeiro

sin elas ten que pasar.
Fun chegando á miña casa

toda rendida de andar,

non tiña nela frangulla

con que poidera cear.
A vista se me barría,

que era aquél moito aunar.

Fun á porta dun veciño

que tiña todo a fartar;

pedínlle unha pouca broa
e non ma quixo emprestar.

As bagullas me caían,

que me fora a avergonzar.

Volvínme á miña casiña
alumada do luar;

Rexistréi cada burato

para ver de algo atopar;

atopéi fariña munda,
un puñiño a todo dar.

Vino no fondo da artesa.

Púxenme a Dios alabar.

Qixen alcendelo lume;

non tiña pau que queimar;

funllo a pedir a unha vella;

tampouco mo quixo dar,

si non era un toxo verde

para me facer rabiar.

Volvín triste como a noite

a chorar que te chorar;

collín un feixe de palla,

do meu leito o fun pillar;

rexistréi polo cortello

mentras me puña a rezar

e vin uns garabulliños

e fieitos a Dios dar.
¡Meu San Antón milagroso,
xa tiven fogo no lar!
Arriméi o pote ó lume
con augua para quentar.
Mentras escarabellaba
na cinza, vin relumbrar
un ichavo de fertuna…
¡Mixa Virxe do Pilar!
Correndiño, correndiño
o fun en sal a empregar;
máis contenta que unhas páscoas
volvín a porta a pechar,
e na miña horta pequena
unhas coles fun catar.
Con un pouco de unto vello
que o ben soupen aforrar,
e ca fariñiña munda,
xa tiña para cear.
Fixen un caldo de groria
que me soupo la mar;
fixen un bolo do pote
que era cousa de envidiar;
despóis que o tiven comido,
volvín de novo a rezar;
e despóis que houben rezado,
puxen a roupa a secar,
que non tiña fío enxoito
de haber tanto me mollar.
Nantramentras me secaba,
púxenme logo a cantar
para que me oíran
en todo o lugar:
          Meu lar, meu fogar,

¡cántas onciñas

de ouro me vals!

"Follas novas"  Rosalía de Castro




Has de cantar,

que che hei de dar zonchos;

has de cantar,

que che hei de dar moitos.



I

Has de cantar,

meniña gaiteira;
has de cantar,
que me morro de pena.


Canta, meniña,

na veira da fonte;
canta, daréiche
boliños do pote.


Canta, meniña,

con brando compás,
daréiche unha proia
da pedra do lar.


Papiñas con leite

tamén che daréi;
sopiñas con viño,
torrexas con mel.


Patacas asadas

con sal e vinagre,
que saben a noces.
¡Qué ricas que saben!


¡Qué feira, rapaza,

si cantas faremos...!
Festiña por fora,
festiña por dentro.


Canta, si queres,

rapaza do demo;
canta, si queres;
daréiche un mantelo.


Canta, si queres,

na lengua que eu falo.
Daréiche un mantelo.
Daréiche un refaixo.


Co son da gaitiña,

co son da pandeira,
che pido que cantes,
rapaza morena.


Co son da gaitiña,

co son do tambor,
che pido que cantes,
meniña, por Dios.


Asi mo pediron

na beira do mar,
ó pe das ondiñas
que veñen e van.


  Fígado con cebola ben frixida
i unha folliña de laurel cheirosa,
que inda a un morto ben morto dera vida
de tan rica, tan tenra e tan sabrosa.

Raxo en sorsa cun cheiro que convida,
i a sangre das morcillas sustanciosa
en fregada caldeira rebotando
a que fagan morcillas convidando.

"Cantares Gallegos" Rosalía de Castro

10/2/19

PRATO DO MES DE FEBREIRO NO TABOLEIRO DA LINGUA

No Taboleiro da Lingua xa o BO PROVEITO conta cunha nova proposta culinaria, elaborada para este mes de Febreiro por 2º de Primaria: Lacón con grelos e chourizos.

Parabéns aos nenos e nenas de 2º pola súa presentación en plastilina, á que non lle faltou detalle, pois aparecen os grelos, a cachucha, o touciño, o lacón, os garavanzos, as patacas, os chourizos e un cachiño de costela

Bo Proveito !!! 





3/2/19

AS NOSAS INICIATIVAS DE DINAMIZACIÓN NO PORTAL DA LINGUA GALEGA

Nas iniciativas de Dinamización do Portal da Lingua Galega, aparecen tres iniciativas do EDLG do noso colexio, que podedes consultar premendo o enlace

Lemos @s máis pequen@s, Almanaques de peto 2019 e Revista Abrente




RECEITARIO DE OUTONO, BO PROVEITO!!

Xa tendes á vosa disposición o libro: "Receitario de Outono",feito por iniciativa do Equipo de Biblioteca, que fixemos entre todo o profesorado e o alumnado do colexio, dentro das actividades do noso PDI do curso, Bo Proveito! Esperamos que vos guste esta presentación realizada polo Equipo de Dinamización das TIC.

31/1/19

DÍA DA PAZ 2019


 O Día da Paz, celébrase o 30 de xaneiro, dedicado a conmemorar nas escolas unha cultura de non violencia e paz e nós  preparamos as actividades artísticas, plásticas e musicais para participar xunto con toda a Comunidade Educativa nos actos centrais da Non Violencia e a Paz.

Este ano cantamos e bailamos a canción, "O Mundo é Grande" de Mamá Cabra, pero tamén  traballamos coa mestura de cores para procurar o branco que simboliza a PAZ. Para iso fixemos un xoguete tradicional, "o zumbador", que podedes ver na foto.

Os de 2º e 1º, decoraron o corredor principal cunha pota moi simpática para cociñar a Paz con ingredientes como a amizade, o perdón, as apertas e todo o que nos axude a convivir sen violencia.

                                                  PREMIO NOBEL DA PAZ 2019

Denis Mukwege é un médico xinecólogo e activista congoleño que foi galardoado co Premio Nobel da Paz xunto con Nadia Murad «polos seus esforzos para erradicar a violencia sexual como arma en guerras e conflitos armados».
Fundou e traballou no Hospital Panzi en Bukavu, onde se especializou no tratamento das mulleres que foron violadas polas forzas rebeldes durante a Guerra de Kivu e posteriores conflitos desenvolvidos na República Democrática do Congo.

     








26/1/19

FAITE SEGUIDOR OU SEGUIDORA DE "A CASQUEIRA"

Resultado de imaxes para GIF EDLG

Faite seguid@r de "A Casqueira". Queremos contar contigo e que utilices o blog do EDLG como unha ferramenta de traballo na aula, ou na casa. As túas suxestións son moi importantes para nós.



PRATO DO MES DE XANEIRO NO TABOLEIRO DA LINGUA

No Taboleiro da Lingua xa o BO PROVEITO conta cunha nova proposta culinaria, elaborada para este mes de Xaneiro por 3º de Primaria. 
O Prato é o tradicional e tan rico e nutritivo Potaxe e para a sobremesa, apostaron pola Compota de Mazá, que tanto nos gusta. 
Nesta ocasión a presentación fíxose en plastilina e quedou tan real que xa daban ganas de xantar. 
Comede saudablemente !!! 




26/12/18

FESTIVAL DE NADAL 2018

O Festival de Nadal foi todo un espectáculo con actuacións de moito nivel, onde a participación de todo o colexio foi moi destacada. Aquí vos deixo unha mostra neste symbaloo onde podedes ver todas as representacións.
Bo Nadal e Feliz Ano Novo!!!!

23/12/18

O GALEGO NAS NOSAS MANS: ALMANAQUES DE PETO 2019




Dende o  Equipo de Dinamización da Lingua Galega, queremos dar as grazas a todo o alumnado e aos titores e titoras, polo seu esforzo para levar a cabo a iniciativa Almanaques de Peto 2019, que está integrada no noso proxecto O GALEGO NAS NOSAS MANS 
Este ano o tema estivo vinculado a BO PROVEITO e cada un de vos, fixo un debuxo inspirado na alimentación saudable, destacando o importante que é comer ben.
De todos eses fantásticos traballos, tivemos que elixir só 14 representantes de todo o colexio e cuxos deseños están xa nos almanaques do 2019. Pero estade seguros e seguras de que todos e todas sodes gañadores deste gran concurso e de que o mellor premio é que fomos capaces de traballar en equipo a prol da nosa lingua. 
Non vos esquezades nunca de que o galego estas nas nosas mans e xa vos anuncio de que pronto faremos un libro con todos os traballos que repousara na Biblioteca.

Parabéns !!!

                                                       GAÑADORES E GAÑADORAS                                                      
Samuel López Castro 6ºA EI
Clara Piñeiro Chao 6ºB EI


Eva Calvo García 1ºA EP

Lois López Martínez 1ºB EP

Leo López Feal 2ºA EP

Mara Amenedo González 2ºB EP

Martina Casás Calvo 3ºA EP

Sara Piñeiro Ares 3ºB EP 

Jaime Vázquez Castro 4ºA EP

Miguel Couce Sanmartín 4ºB EP

Cristina Piñeiro Chao 5ºA EP

Ángel Seara Gómez 5ºB EP

Andrea Doval Calvo 6ºA EP

Rawyae Ben Malak 6ºB EP
Gañador@s e finalistas do concurso ALMANAQUES DE PETO 2019